Como Moverse

Para os habitantes de Pontevedra, vivir nunha cidade case sen coches é unha realidade da que gozan día a día. Máis do 70 % dos desprazamentos urbanos son realizados a pé ou en bicicleta, e só tres de cada dez persoas que se moven pola cidade deciden facelo no seu vehículo. Pontevedra recibiu múltiples premios ao longo das últimas décadas pola súa mobilidade sostíbel e amábel; é unha cidade para pasear, para explorar e coñecer as súas rúas e prazas namentres camiñas. Ese é o mellor consello que podemos darche hoxe: aparca o teu coche e move as pernas!

A PÉ. Metrominuto
Pontevedra é unha cidade ideal para pasear, non só polo seu tamaño, senón porque o seu modelo urbano está deseñado por e para os peóns, un sistema que priorizou tanto á mobilidade non motorizada que liberou do tráfico as súas principais rúas. Verás coches, e deberás respectar as normas e convivir con eles, pero rara vez verás tráfico continuado de vehículos ou terás unha sensación de perigo.

Deste xeito, os principais itinerarios urbanos son completamente peonís, e a maioría deles, con amplas beirarrúas onde non se distingue entre a calzada e a beirarrúa, o que se chama ‘plataforma única’. Goza da cidade a pé e utiliza a túa propia enerxía para camiñar por ela dun lugar a outro. En Pontevedra, o Concello deseñou este esquema tomando a coñecida estética dun transporte urbano como é o Metro para facer o Metrominuto, ou o que é o mesmo, un mapa coas distancias peonís e o tempo que se tarda en percorrelas. Descarga aquí as aplicacións para iPhone e Android.

Por TAXI
A cidade de Pontevedra conta con varias paradas de taxi nas súas rúas principais para aqueles que decidan utilizar este medio de transporte para moverse pola cidade e os seus arredores. Ademais, conta con dous servizos de taxi aos que poder chamar para ser recollido alí onde o precises: Radiotaxi, ao que podes acceder chamando ao 986 86 85 85, ou Teletaxi Pontevedra, cuxo número é 986 10 10 10.

Todos os taxis da cidade están identificados de xeito oficial, contando coa autorización do Concello, e non existe en Pontevedra ningún outro servizo privado de transporte (VTC) xa que a prioridade continúa a ser o desprazamento a pé.

Por BUS
O deseño do autobús urbano de Pontevedra axústase ás características do modelo de cidade e, neste sentido, un dos criterios aplicados é manter a circulación de autobuses fóra do núcleo central de Pontevedra, creando un perímetro desde o que podes chegar a calquera punto do centro sen que os autobuses atravesen as rúas principais e poñan en perigo a circulación peonil.  Podes consultar neste mesmo lugar planos e tarifas.